Cambados e Vilanova de Arousa, en nivel máximo de restricións, tras a xuntanza do Comité Clínico
Por Redacción
O comité clínico que se encarga de asesorar á Xunta de Galicia sobre a xestión da pandemia decidiu, como todo facía indicar, que Cambados se una a Vilanova de Arousa na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a asumir o nivel máximo de restricións a partir das 00.00 horas do próximo venres 7 de maio. Dentro de Galicia, outros dous Concellos, Cualedro e Laza manteñen ese mesmo nivel. Isto supón que os residentes non poderán saír do límite perimetral do municipio e tampouco poden entrar veciños doutras zonas, salvo que cumpran algunha das excepcións contempladas no DOG. Por outra banda, a hostalería deberá pechar, agás para servizo a domicilio, ata as 00.00 horas, ou para recoller no propio local, ata as 21.30 horas.
O comité tamén determinaba o nivel alto de restricións para o municipio de Marín, que estará acompañado por Merca, A Pastoriza, Gondomar, Salceda de Caselas, Padrón, Mesía, Ribeira, Coristanco e A Laracha. No nivel alto de restricións establécese o peche interior da hostalería e a capacidade permitida ao 50% nas terrazas. Ademais, as reunións limítanse ata a catro persoas non conviventes no interior e a seis no exterior dos domicilios.
As medidas do nivel medio serán obrigatorias nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e Soutomaior dentro da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Xunto a eles tamén se atopan Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos, Cambre, Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada e Meira. A hostalería destes municipios pode abrir en interior, pero cunha capacidade limitada ao 30% e ao 50% en terraza.
No resto dos municipios galegos permanecerán as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas as medidas entrarán en vigor o venres 7 de maio.
Relacionadas:
-
Baixa a presión hospitalaria e redúcese o número de casos activos
Por Oskar Viéitez |
-
Trinta establecementos hostaleiros da provincia sancionados como resultado de 999 inspeccións en cinco días
Por Redacción |
-
"Cústanos controlar O Salnés porque é unha área con máis interacción e movemento"
Por Alejandro Espiño |
-
Catro positivos no cribado de Cambados
Por Redacción |
-
Cribado masivo no IES de Cotobade tras detectarse varios positivos en covid-19 entre o alumnado
Por Redacción |
-
A área sanitaria contén o incremento de contaxios por baixo dos 500 casos activos
Por Oskar Viéitez |