Volven as mobilizacións aos xulgados pontevedreses en protesta pola reforma do sector
Por Redacción
A xustiza pontevedresa retoma as mobilizacións. Así o anunciaron os representantes da Xunta de Persoal da provincia de Pontevedra, que compareceron este luns en rolda de prensa nos Xulgados de Vigo. Protestarán de novo contra as reformas que impulsa a Xunta e o Goberno no sector e que, segundo a súa opinión, inciden na precarización laboral e nas privatizacións dentro da administración de xustiza.
"Imos informar da baixada retributiva que imos padecer en 2014 despois de que Feijóo anunciase o recorte nos próximos orzamentos, o que suporá unha baixada de salarios de entre 800 e 2500 euros anuais segundo as categorías do funcionario", indicou Xosé Barreiro, responsable nacional de Xustiza da CIG.
Os afectados levarán a cabo asembleas informativas nos distintos centros de traballo ata o vindeiro 18 de outubro e despois realizarán enquisas para decidir a convocatoria de paros. Ao mesmo tempo, nas asembleas tamén abordarán os novos proxectos lexislativos que se atopan nestes momentos en tramitación parlamentaria e que afectarán moi negativamente tanto ás condicións laborais dos empregados como á calidade do servizo que recibirán os usuarios.
A ese respecto, Barreiro apuntou que, entre as modificacións previstas, manéxase a perda do partido xudicial en Vigo, "o que abrirá a porta á mobilidade xeográfica do persoal e incrementará a distancia entre os cidadáns e os servizos xurídicos". Tamén criticou a privatización de servizos como o rexistro mercantil ou as comunicacións aos cidadáns, labor que realizaban funcionarios e que pasará a mans dos procuradores xudiciais.