A oficina da ARI de Caldas consolídase como unha das máis activas de Galicia
Por Redacción
A oficina da Area de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas suma, desde a súa posta en marcha no 2017, un total de 75 actuacións que a sitúan como unha das máis activas entre os concellos de menos de 10.000 habitantes.
Ás 22 actuacións aprobadas e subvencionadas na primeira fase do ARI engádense as 52 solicitadas e en fase de aprobación da segunda fase. Ademais, actualmente existe unha petición de 23 actuacións para a futura terceira fase que se abrirá, presumiblemente, este mesmo ano.
Isto supón que das 470 vivendas situadas na zona ARi, máis de 21 % mostraron xa a súa disposición para rehabilitar. Uns resultados que na propia oficina cualifican como "excelentes" tendo en conta os apenas 3 anos de vida da mesma.
A maior parte das actuacións responderon a melloras das condicións de conservación das vivendas coa introdución de illamento tanto en cubertas como en fachadas, así como aquelas que responderon a obras de actualización de carpinterías exteriores. Tamén se realizaron actuacións para mellorar a accesibilidade das vivendas como a instalación de ascensores ou a adaptación de cuartos de baño. Sen esquecer intervencións para renovar as instalacións eléctricas, de fontanería ou reparación de humidades.
Coa aprobación de sucesivas fases o importe das axudas tamén se incrementou. Así na segunda fase a axuda media situouse nos 3.670 euros, máis do dobre da primeira convocatoria e en termos absolutos, o máximo concedido nesta segunda fase, que alcanzou os 12.700 euros, tamén foi máis do dobre da primeira fase.