Alertan do perigoso estado do Camiño do Souto, en Combarro
Por Redacción
Barreiras de paus que os veciños colocaron de xeito artesanal alertan do perigoso estado no que se atopa o Camiño do Souto, en Combarro.
Entre a auga, a falta de elementos de contención, o estado do firme e o peso dos coches o camiño estase a desfacer, polo que reclaman que se actúe de xeito urxente nel para reparalo.
Así o pediu o grupo municipal do PP que, facéndose eco das denuncias veciñais, solicitou esta actuación na comisión de urbanismo celebrada este martes.
Os populares pediron que o Concello poña sinalización para previr estes riscos e que se faga unha actuación inmediata neste camiño, reparando e acondicionando o vial "antes de que se desfaga definitivamente o camiño, caia un coche ou haxa un accidente máis grave".