Desarticulan un punto de venda de droga en pleno centro de Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa logrou desarticular un punto de venda de drogas que estaba situado en pleno centro desta localidade e tamén deter ao seu presunto responsable, un home con antecedentes policiais.
O detido é un veciño de Vilagarcía de 48 anos e os policías atribúenlle un delito de tráfico de drogas pola venda polo miúdo de haxix, marihuana e heroína a terceiras persoas.
Os axentes lograron desarticular este punto de venda grazas a unha serie de informacións iniciais que partiron de investigacións policiais e de veciños da zona, que alertaban de que nun punto concreto da cidade poderíase estar a vender droga polo miúdo. Detectaron unha continua trasfega de persoas e vehículos para adquirir substancias estupefacientes.
En base ás devanditas informacións os axentes iniciaron as pescudas que desembocaron na incautación de varias vendas de pequenas cantidades de haxix, marihuana e heroína a outros tantos compradores.
A detención produciuse despois de que os axentes presenciasen un intercambio no que un mozo extraía unha pequena bolsa que levaba nun peto do pantalón e o outro lle entregaba un billete.
Tras identificar a ambos e realizar un cacheo de seguridade, os axentes interviñéronlle ao detido 16 envoltorios plásticos termosellados cunha substancia marrón que podería ser heroína e 70 euros en billetes fraccionados que ocultaba nas costas debaixo da camiseta.