Os servizos nas praias de Marín estarán activos ata o 30 de setembro
Por Redacción
Ata o 30 de setembro poderán traballar nas praias de Marín as persoas que, mediante as correspondentes autorizacións, vaian a explotar os servizos que haberá este verán nas praias de Marín. Terán permiso para instalarse desde o momento que se lle concedan os permisos.
As instalacións dispoñibles serán un quiosco en Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo, ademais dun servizo de aluguer de hidropedais en Mogor e de canoas e paddle surf en Aguete.
O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 15 de maio, segundo avanza o goberno municipal de Marín. Os que resulten concesionarios deberán pagar un canon mínimo á administración local, que deberá aboarse nun período de dez días hábiles.
Deberán ser, en todo caso, instalacións desmontables. A súa explotación levarase a cabo baixo o exclusivo risco e responsabilidade do titular da autorización e os permisos non serán transmisibles, dado que o seu número está limitado.
Poderán participar nesta convocatoria as persoas físicas ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar, non incorran en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade previstas pola lexislación e estean ao corrente nas súas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social.
Ademais, a finalidade, actividade ou obxecto social dos adxudicatarios debe ter relación directa co obxecto do contrato e terán que dispoñer dunha organización con elementos persoais e materiais suficientes para a debida explotación da instalación.
As solicitudes deberán presentarse única e exclusivamente de forma electrónica, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
Relacionadas:
-
Marín contratará 21 socorristas e tres patróns para vixiar as súas praias este verán
Por Redacción |
-
Marín ingresará máis de 11.000 euros polos servizos e quioscos nas súas praias
Por Redacción |
-
Posta a punto das pneumáticas do servizo municipal de salvamento para vixiar as praias de Marín
Por Redacción |
-
Marín licita os quioscos das praias e o aluguer de hidropedais, canoas e paddle surf
Por Oskar Viéitez |