Denuncian diante da Fiscalía a disolución do Organismo Autónomo do Museo de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Denuncian diante da Fiscalía Provincial de Pontevedra e da Fiscalía Superior de Galicia a disolución do Organismo Autónomo Museo Provincial de Pontevedra, que derivou na actual situación da institución, cuxo nomeamento de director será obxecto de xuízo nos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, este vindeiro mércores 5 de maio.
A denuncia foi presentada por Ernesto Vázquez-Rey, presidente da Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra, e será ampliada próximamente. Nela relátase de forma sintética a deriva xurídico-histórica do Museo de Pontevedra dende a súa fundación en 1927 ata a disolución do Organismo Autónomo Local (OAL) en 2012.
O documento recolle que "o proceso de merma e eliminación da personalidade xurídica do Museo baseóuse na falsa premisa de que a Deputación provincial é competente para ostentar a titularidade dun Museo, Arquivo e Biblioteca, de especial interese para Galicia, como é o Museo de Pontevedra".
Segundo o denunciante, que tamén é procurador dos tribunais, "esta premisa é claramente contraria ao disposto tanto na Constitución española de 1978 como no recollido polo Estatuto de Autonomía para Galicia de 1981, polo que resulta evidente a calificación de impropia da súa competencia".
No mesmo sentido, sinálase a "incautación" dos bens do Museo que a Deputación realizou ao integrar os bens do Museo no Inventario xeral da Deputación en 2013, "sen formar un inventario detallado que especificara a titularidade das pezas e coleccións que integran o Museo, tal e como recollían os Estatutos do OAL para o caso de disolución".
Ernesto Vázquez-Rey afirma que "esta gravísima situación para a conservación e pervivencia do Museo de Pontevedra foi posible grazas á colaboración e ao silencio de quen debía xestionar o patrimonio público e velar pola súa integridade".
"O resultado está á orde do día e por isto tomei a decisión -a pesar de todo- de recorrer ao Ministerio Público e personarme nas dilixencias que se incoen", xustifica o denunciante.