O Estado deberá indemnizar a un interno atacado cunha coitela na Lama porque incumpriu co seu "deber de vixilancia"
Por Natalia Puga
Dous homes acaban de ser condenados como autores de senllos delitos de lesións por agredir ao outro durante tres enfrontamentos producidos os días 6 e 7 de xaneiro de 2019, cando ambos estaban internos no centro penal da Lama. Ambos foron condenados e, ademais, por unha desas agresións, o Estado deberá responder como responsable civil subsidiario e indemnizar a un dos feridos.
A sentenza ditouna este mesmo luns a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e a condena de maior importancia foille imposta a un interno de nome Anxo ao que o tribunal considera autor dun delito de lesións e uso de instrumento perigoso. Deberá cumprir dous anos e seis meses de prisión e indemnizar ao outro implicado, de nome Luís Fernando, con 8.615 euros.
Desta indemnización é da que responderá o Estado a través da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias en concepto de responsable civil subsidiario. Son 465 euros por prexuízo persoal básico; 400 pola intervención cirúrxica de cirurxía menor á que foi sometido e 7.750 polo prexuízo estético ocasionado.
O outro interno, Luís Fernando, foi condenado por un delito leve de lesións a dous meses de multa a razón de 6 euros/día (360 euros en total) e deberá indemnizar a Anxo con 6.935 euros: 155 por prexuízo persoal básico e 6.780 polo prexuízo estético.
No caso da condena de Anxo, o Estado deberá pagar a indemnización porque, tal e como recolle a sentenza, incumpriu "as medidas esixibles para garantir a seguridade dos reclusos, así como a integridade física das persoas encomendadas á súa custodia debido á falta de vixilancia e de control que lle son esixibles".
A sentenza argumenta que a agresión foi cun coitela de afeitar e, cando se produciu, soamente estaba un funcionario vixiando, o cal "nin sequera se achaba presente no módulo, senón na cabina acristalada; é máis, ao coincidir coa repartición de metadona, é posible, segundo o xefe de servizo, que non houbese ningún funcionario no interior da sala".
Os maxistrados da Audiencia consideran que o Estado incumpriu co seu "deber de vixilancia" e tamén co de "control sobre o eventual porte de instrumentos perigosos, como o son as coitelas de afeitar".
O inicio deste incidente foi o 6 de xaneiro de 2019, cando xurdiu unha discusión entre dous internos por unha débeda de cartos cando subían polas escaleiras para ir ás celas. Durante o transcurso da disputa, un deles propinoulle ao outro unha puñada no ollo esquerdo. O agresor neste incidente foi Luís Fernando e a vítima Anxo.
Ao día seguinte, foi Anxo o que tentou golpear no comedor cun pau de escoba a Luís Fernando, pero outros internos impedírono. Posteriormente, cando se achaba na galería anexa ao comedor xogando ao parchís, Anxo achegóuselle por detrás e cortoulle a cara cunha coitela.
A sentenza recoñece que a falta de vixilancia pola que deberá pagar o Estado e produciu "seguramente, por escaseza de funcionarios no centro penal" e apunta que faltou en dous momentos, "cando se produciu o incidente entre os mesmos internos na subida das escaleiras camiño ás celas" e cando o tentou golpear co pau dunha escoba, "intento de agresión que, segundo puxeron de manifesto os funcionarios no acto do xuízo, non viron e que lles foi relatado polos internos cando investigaban os feitos".
O fallo xudicial recolle que cando sucedeu a agresión coa coitela soamente había vixiando un funcionario e "nin sequera se achaba presente no módulo, senón na cabina acristalada; é máis, ao coincidir coa repartición de metadona, é posible, segundo o xefe de servizo, que non houbese ningún funcionario no interior da sala".