Nova cara e prioridade peonil para a praza Méndez Núñez de Portonovo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo realizará unha profunda reforma na praza Méndez Núñez de Portonovo para priorizar o seu uso peonil e mellorar a accesibilidade.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o proxecto ten un custo de 112.849 euros que serán financiados ao 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe. O 30% restante financiarase con fondos municipais.
A actuación, que ten un prazo de execución de cinco meses, busca xerar dous fluxos de tráfico, o rodado e o peonil, que se distinguirán por dúas cores da lastra, o gris para o peón e o rosa salmón para os vehículos.
O proxecto propón eliminar o tráfico rodado da rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes.
A mobilidade peonil realizarase a través duns chanzos que atravesarán a praza. O tráfico rodado manterase na rúa da Mariña como prolongación da travesía de Santa Catalina.
A nova praza terá bancos, pequenos xardíns con céspede e flores que incluirán especies arbóreas, varandas de aceiro inoxidable e un único mastro encargarase de iluminar a totalidade de praza e a súa contorna inmediata a través de catro luminarias.
O proxecto expón catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a rúa Mariña coas vivendas e locais de restauración situados nesta praza de case 500 metros cadrados de superficie e xerada polo cruzamento de tres viarios.