María Gándara loce os seus 101 anos no Concello
Por Redacción
María Gándara Buceta ten 101 anos e goza de boa saúde, de maneira que este luns quixo visitar en persoa o Concello de Pontevedra en lugar de recibir no seu domicilio a habitual visita de Miguel Anxo Fernández Lores aos veciños centenarios de Pontevedra.
O alcalde recibiu a María Gándara na Alcaldía, entregoulle o tradicional ramo de flores e felicitouna polo seu aniversario e tamén polo seu excelente estado de saúde físico e mental.
María falou co alcalde durante máis de media hora, contoulle que xa está vacinada fronte á covid-19 e contoulle que adoitaba pasear pola cidade a diario, pero que na actualidade os xeonllos non llo permiten.
A conversa versou sobre a súa vida na cidade. Natural de Portas, vive en Pontevedra dende o ano 1938 e recordou co alcalde momentos da súa nenez en Portas como cando se facía o viño catalán ou cando deixou de fumar, hai máis de 30 anos.