Xa se poden pedir os bonos desconto da Xunta para realizar compras no comercio de proximidade
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia informa de que a partir deste luns 3 de maio xa se poden descargar os bonos desconto para consumir no comercio galego a través da iniciativa Bonos Activa Comercio da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. O obxectivo é reactivar o comercio local dinamizando as vendas nos establecementos de proximidade.
O programa conta cun orzamento de 10 millóns de euros cos que se prevén mobilizar 55 millóns neste sector e chegar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros.
Os clientes interesados deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal e poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil.
O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5 euros, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10 euros.
Nestes momentos hai máis de 2.500 establecementos adheridos en toda Galicia que contan cun distintivo que os identifica como participantes neste programa. A tipoloxía que suma un maior número de negocios é a de vestido e toucado; seguida de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas; así como material e aparellos eléctricos, electrónicos ou electrodomésticos.
Os comerciantes interesados aínda están a tempo de adherirse xa que o prazo permanece aberto ata o 15 de maio.
Relacionadas:
-
O Bono activa comercio conta xa con máis de 3.000 beneficiarios na cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Preto de 31.000 pontevedreses xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta
Por Redacción |
-
Activan bonos de 30 euros en descontos para reactivar o comercio local
Por Redacción |