Juan Carlos Aladro opta a dirixir a Fiscalía Superior de Galicia
Por Redacción
O Consello Fiscal do próximo día 4 de maio deliberará e realizará a súa proposta sobre a elección do próximo Fiscal Superior de Galicia, un posto ao que opta por segunda vez o fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro.
Non é o único aspirante ao cargo xa que tamén se postulan o actual responsable, o ferrolán Fernando Suanzes, xunto a fiscala compostelá Pilar Fernández Pérez que, de ser elixida, converteríase na primeira Fiscala Superior de Galicia.
Esta proposta de elección na Fiscalía galega, que ten o seu destino na sede do Tribunal Superior de Xustiza, elevarase despois ao Goberno.
Aladro, de orixe leonesa, ingresou na carreira fiscal hai 32 anos. Desde 2007 está á fronte da Fiscalía Provincial de Pontevedra. Anteriormente, desempeñou as súas funcións en Vigo e estivo destinado en Pontevedra e Cambados. É especialista en delitos contra a ordenación do territorio e o medioambiente.
Pilar Fernández é responsable e experta en asuntos relacionados con violencia de xénero, atención a menores e igualdade e é membro da Unión Progresista de Fiscais.