Adxudicada a redacción do proxecto de construción de dúas sendas peonís en Vilanova
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de construción de sendas peonís nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306 no concello de Vilanova de Arousa.
O contrato foi adxudicado á empresa Deseños Estructurais e Viarios, S.L. por importe de máis de 18.000 euros. O contrato conta cun prazo de execución de 6 meses.
Trátase de definir as actuación precisas para a execución dunha senda peonil na marxe dereita da PO-302, no treito entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+590, e tamén na marxe dereita da PO-306, entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+350.
O proxecto tomará como base unha proposta remitida polo Concello ao departamento que dirixe Ethel Vázquez, no ámbito destas dúas estradas.
En concreto, na PO-302 os traballos incluirán a definición dunha senda peonil de formigón de ancho medio de 2,50 metros. Na zona urbana deberá incluír a renovación das beirarrúas existentes e a súa reconstrución, garantindo un ancho mínimo de 2 metros.
No caso da estrada PO-306 se proporá a creación dunha zona de aparcamento en batería e unha senda peonil de formigón que comunique a senda existente na Ponte do Terrón.
O proxecto deberá incluír a reposición e renovacións de conducións de servizos urbanos no ámbito da actuación.