O PP considera un exemplo de "feísmo" a reforma do cruzamento de Benito Corbal e Daniel de la Sota
Por Redacción
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, analizou o resultado da obra no cruzamento entre Benito Corbal, Daniel da Sota e Cobián Roffignac, unha praza circular de formigón que el considera un exemplo de "feísmo".
"O resultado estético non se axusta ao esperado para reformar este espazo catro veces. Preguntámonos se o Concello decidiu incorporar o feísmo ao Urbanismo da cidade. Pero o peor, trátase da cuarta reforma que se fai no mesmo sitio en menos de tres anos", destacou o popular.
Domínguez, que xa criticara o gastar o diñeiro en reparar por cuarta vez polo cruzamento de Benito Corbal, insistiu na necesidade de que o Concello reorganice as súas prioridades.
"Non entendemos que non se actúe noutros puntos nos que é evidente que o Concello debe acometer melloras, en cambio, se dedique a arranxar as súas meteduras de pata constantes", comentou o portavoz do PP, "veciños e comerciantes compartíronnos o seu enfado".
"Esta decisión con total falta de rigor", para Domínguez contextualízase na "desconexión de todo o Goberno local nos seus despachos, o que provocou que xa non saiban o que pasa na rúa: Tírase o diñeiro en emendar erros proprios e séguese acrecentando a distancia entre o que a sociedade demanda e o que o Concello impón".