A Fiscalía pide 19 anos de prisión por malos tratos, lesións, coaccións e abuso sexual a súa parella
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves o xuízo contra un veciño de Vilanova de Arousa, acusado dos delitos de malos tratos, lesións, coaccións, furto, ameazas, acoso e abuso sexual.
A Fiscalía demanda 19 anos de prisión para este home por maltratar física e psicoloxicamente á súa parella, así como o afastamento a máis de 150 metros da vítima durante os tres anos seguintes ao cumprimento da pena que se lle impoña ademais da prohibición de manter toda clase de comunicación coa súa ex parella.
O acusado mantivo durante oito anos unha relación sentimental cunha muller e, segundo o escrito de acusación da Fiscalía, durante ese tempo o procesado exerceu sobre ela "constantes e reiterados actos de violencia física e psíquica, chegando a insultala, menosprezala, ameazala e agredila fisicamente, co ánimo de controlala e sometela á súa vontade, e mesmo, dedicouse a revisar o seu teléfono e controlar as súas amizades".
O relato do Ministerio Público recolle distintos episodios nos que o acusado golpeou á muller, nunha ocasión servíndose dunha pa, asi como constantes insultos e ameazas graves.
Unhas dúas semanas despois de interpoñer a vítima a súa primeira denuncia, o procesado presentouse no domicilio da vítima e, aproveitándose do estado adormecido no que se atopaba tras inxerir tranquilizantes, "e sen que esta prestase consentimento en ningún momento", abusou sexualmente dela.
A muller necesitou axuda psicolóxica e psiquiátrica.