15.500 euros para reformar o Camiño Salgueiral, na parroquia de Samieira
Por Redacción
O Camiño Salgueiral, situado na parroquia de Samieira, será rehabilitado despois de que se aprobara pola Xunta de Goberno Local a adxudicación dun contrato menor para que a empresa Construcciones Caldeverazgo realice unha intervención orzada en 15.500 euros.
Chelo Besada, concelleira de Obras e tenente de alcalde, sinala que as obras consistirán en mellorar a rede de pluviais, ademais de dotar dun novo pavimento a este vial. A empresa adxudicataria xa realizou outros traballos similares noutras zonas do municipio, entre elas o Camiño da Bouza en Chancelas onde se mellorou a rede de saneamento.
En Camiño Salgueiral realizarase tamén a reposición do firme, cunha capa de xabre de 15 centímetros, previo a outra capa de mestura de aglomerado en quente de 5 centímetros.
A concelleira sinala que, a pesar de que a lei non obriga a realizar un proceso de licitación con obras de orzamentos inferiores a 50.000 euros, no departamento de Obras si levan a cabo esta fórmula coa idea de que as empresas realicen as súas ofertas.