Este ano a pandemia non pode co Maio
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Sen aglomeracións e sen o tradicional concerto de coplas que cada ano enchía de xente a praza da Ferrería, pero este ano Pontevedra si celebra a festa do Maio. Este venres, voluntarios da Asociación Cultural e Deportiva de Campañó comezaron a construír o maio típico da Boa Vila.
"Estamos co obradoiro para a estrutura e mañá poñerémoslle as flores e vos adornos", explica o secretario da asociación, Jose María Domínguez, mentres ensina aos participantes como debe construírse esta clásica estrutura que, xa pola tarde, comezaron a vestir con fiuncho. "Por encima levará flores, ovos, laranxas e unha bandeiriña", engade Domínguez.
Esta tradición milenaria, "os castrexos xa facían este rito para que a plantación dera o seu froito", recuperouse este ano despois de que a pandemia da covid-19 obrigase a suspendela no 2020. Non houbo exposición de maios nin actuacións, pero os que participan nesta festa lévana dentro e celebrárona a pesar das restricións.
"Fixemos as coplas desde casa, por teléfono, por grupos de Whatsapp... Non quedou outra pero estabamos moi tristes", recoñece o secretario da asociación pontevedresa que máis anos leva celebrando esta tradición. Son máis de 30 anos consecutivos elaborando o seu propio maio e tamén as súas propias coplas, nas que este ano lanzan os seus dardos contra os negacionistas.
Non haberá celebracións masivas, pero os maios están por toda a cidade. Os escaparates da capital están engalanados con fotografías antigas desta festa. "Hainas desde os anos noventa, de todos os maios que participaban. É unha boa idea para retomar a tradición, porque ao parar un ano parece que custa coller o ritmo", admite Domínguez.
As fotografías estarán expostas ata final de mes, mentres que o maio que está en fase de construción quedará exposto no centro da Praza da Ferrería durante toda a fin de semana.
Non é a única celebración dos maios que se realiza en Pontevedra, os alumnos do CEIP de Ponte Sampaio festexaron tamén este venres por terceiro ano a festa dos maios coa súa propia estrutura e as súas propias coplas, que se confeccionaron con axuda de todo o alumnado do centro, dos familiares e o profesorado.