Carlos Viéitez presenta para Meaño un orzamento que ascende a 3.862.527 euros
Por Redacción
O orzamento para este 2021 presentado polo grupo de goberno de Meaño ascende a 3.862.527 euros. A proposta, segundo o equipo que encabeza o alcalde Carlos Viéitez conta cun marcado carácter social cun incremento do 294% na partida destinada a cubrir as necesidades da veciñanza e dos diferentes sectores afectados pola crise pandémica.
Segundo o documento presentado, manteranse subvencións para o fomento da natalidade, o transporte escolar para estudantes de familias con dificultades socio-sanitarias e para familias que cursen Infantil, Primaria e Secundaria. Ademais, convocaranse axudas para fomentar o asociacionismo no mercado local e a actividade económica.
Entidades como a Banda Unión Musical de Meaño ou a Unión Dena Club de fútbol aparecen no apartado de axudas nominativas con partidas de 12.000 e 9.500 euros respectivamente, ademais doutros colectivos do municipio e entidades de carácter social como Esperanza Salnés, a Asociación Española contra o Cancro ou o Banco de Alimentos.
O apartado de persoal é o que presenta un maior gasto ao destinarse 1.549.904 euros, un 40,13% das contas anuais do Concello. Segundo o goberno local, o motivo destas cifras atópase en que persoal propio é o que asume os servizos municipais.
En canto a gastos en bens e servizos necesarios, a partida increméntase en 50.750 euros, un 3,46% máis que en 2020 ascendendo a 1.515.750 euros. Este aumento derívase do reforzo en medidas hixiénico-sanitarias motivadas pola pandemia.
No apartado de investimentos destínanse 553.973 euros, con 380.000 euros que Meaño recibirá da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos. As obras que se executarán serán a pavimentación e ampliación do vial Iglesia-Dena; a pavimentación do vial Coirón-Valdamor; pavimentación do inicio do vial Pasales, co obxectivo de mellorar a conexión entre núcleos de poboación e desconxestionar o tráfico na zona de Dena.
Ademais, está previsto que a Corporación aprobe a modificación de crédito de 1.265.000 euros para que o remanente de tesourería destínese a investimentos, con 850.000 euros que se aplicarán a un Plan de Pavimentación Integral.