Mosquera anuncia novidades "sumamente importantes" para o futuro do Museo nas vindeiras semanas
Por Oskar Viéitez
"Pronto haberá novidades sumamente importantes, interesantes, e trascendentes para o futuro do Museo", anunciou este venres o vicepresidente César Mosquera no Pleno da Deputación, e puntualizou que os movementos para dar un novo pulo se coñecerán en apenas semanas.
Mosquera fixo estea intervención durante a moción na que o Partido Popular solicitou un estudo de alternativas viables para os edificios centrais.
A deputada provincial do PP, Pepa Pardo, pediu á Deputación que explore "nuevas alternativas" á ampliación subterránea do Museo de Pontevedra ao entender que a proposta de construír unha conexión baixo terra entre os antigos edificios "es totalmente agresiva con el centro histórico de Pontevedra", e provocou que un grupo de veciños, comerciantes e técnicos opuxéranse frontalmente á obra.
"Hay muchas opciones a la vista. Está Santa Clara, el edificio de Hacienda... pero ustedes prefieren continuar con un proyecto que no quiere nadie", sinalou a deputada Pepa Pardo durante o pleno.
O PP defendeu que "un proyecto alternativo, respetuoso, menos costoso y que ponga en valor el Museo de Pontevedra es totalmente posible".
O vicepresidente respostoulle que os inmobles máis antigos do Museo xa están conectados na actualidade "de maneira ilegal" e que a súa rehabilitación para legalizar e mellorar o seu estado "necesitaba, si ou si, dunha modificación puntual do Peprica".
Por outra parte, lembrou que no ano 2014 cando se retiraron as pezas das coleccións das instalacions debíase a que estas "ameazaban ruína" e non se podía garantir a seguridade. Entre outras cousas explicou que algunhas vigas de madeira que soportan a estrutura pasaron de 25 centímetros a apenas 5 pola carcoma.
Dende aquel ano, proseguíu Mosquera, tanto a deputada Ana Isabel Vázquez como Xosé Leal estudaron como facer a rehabilitación sen atopar solución. "Non o deron sacado adiante" nin arquitectos como García Brañas nin Santiago Pesquera, aclarou o nacionalista, que recoñeceu que cando chegou ao actual cargo no Museo púxose mans á obra cos seus coñecementos de urbanismo e o asesoramento de xuristas e persoal técnico. "O resultado foi que a rehabilitación debía pasar por unha conexión soterrada".
A partir de aí, consultouse a posibilidade de cofinanciamento coa Xunta, iniciáronse as tramitacións para modificar o Peprica, e a día de hoxe séguese a traballar na definición dun proxecto "axustado ás necesidades".
"A solución, o plantexamento funciona e é fantástico, como o do CITA en Santa María. O tema está enfocado, hai unha vía aberta e hai trámites feitos, pero é un asunto moi complexo", insistiu Mosquera, que aproveitou para reivindicar que o actual Goberno da Deputación considera o Museo como un dos seus principais axentes ao outorgarlle "o maior orzamento da súa historia".
Pola súa parte, o portavoz socialista López Font, destacou no Pleno que o Museo está mellor dirixido políticamente que nunca, sendo o máis importante de Galicia e un referente en todo o Estado a pesares de non ter apoio da Xunta de Galicia. "Estamos ordenando y haciendo proyectos en la racionalidad", insistiu en relación á rehabilitación dos edificios centrais.
Relacionadas:
-
Rexeitan darlle un uso comercial ou hostaleiro ao edificio de Portos nas Corbaceiras
Por Alejandro Espiño |
-
O Museo colaborará "en todo o que faga falta" para recuperar Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Contratan un estudo de patoloxías actualizado dos edificios centrais do Museo
Por Redacción |
-
Modifican o Peprica para conectar polo subsolo os edificios históricos do Museo
Por Anxo Lourido |