A Deputación rexeita as "vergonzosas prácticas caciquiles" da Xunta no financiamento dos concellos
Por Oskar Viéitez
O Pleno da Deputación de Pontevedra denuncia as "vergonzosas prácticas caciquiles" da Xunta de Galicia no financiamento dos concellos. Así o acordou a corporación provincial coa maioría dos votos que conforman os grupos do Goberno, PSOE e BNG e o rexeitamento do PP.
A parte resolutiva do Pleno ordinario do mes de abril celebrado este venres apenas durou cinco minutos nos que se aprobaron os dez primeiros puntos da orde do día por unanimidade. Este consenso freouse ao chegar ao debate das mocións, unha presentada polo PSOE e tres do PP.
A iniciativa socialista solicitaba á Xunta un plan anual de dotacións e equipamentos públicos "transparente e con bases obxectivas" para todos os concellos galegos. O deputado portavoz do grupo socialista Carlos López Font acusou á Xunta de repartir fondos "de manera partidista" beneficiando a aqueles concellos gobernados polo Partido Popular e "donde la transparencia es una quimera".
López Font puxo como exemplo o traballo do Goberno provincial co Plan Concellos ou o Plan de reequilibrio fronte ao "furtivismo administrativo" co que, ao seu xuízo, actúa o Executivo autonómico presidido por Alberto Núñez Feijóo que "practica el caciquismo del siglo XIX".
Tamén o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera avogou por acabar cos "privilexios que están a gozar de maneira arbitraria os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular".
O portavoz do PP, o deputado Jorge Cubela cualificou esta moción de "panfleto doctrinario" que, segundo dixo, responde a que "o PSOE galego é un barco totalmente á deriva desde 2009". Ademais acusou ao Goberno provincial presidido por Carmela Silva de crear unha "rede de comisarios políticos para controlar a actividade da institución".
Cubela defendeu a xestión da Xunta cun repaso por diferentes actuacións do goberno galego na provincia, asegurando que é a administración que máis inviste en Vigo "aínda que lle pesa a Caballero, ao tío e ao sobriño". "Os alcaldes do Partido Socialista viven mellor co PP na Xunta que cando estaba o bipartito", dixo.