Cerdedo-Cotobade transfire 35.000 euros á Xunta para complementar a axuda á súa hostalería
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinou este venres o convenio coa Xunta a través do cal a administración local transfire 35.000 euros ao fondo do segundo plan de rescate do goberno autonómico para que os 35 establecementos de hostalería do municipio que solicitaron as axudas reciban 1.000 euros adicionais procedentes das arcas do Concello.
Nunha reunión co vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, Cubela expresou o seu desexo de que se tramiten as subvencións no período de tempo máis curto posible."Nós predicamos co exemplo, buscamos o xeito de que as axudas cheguen o máis axiña posible ás familias que máis as precisan e cremos que en breve empezaran a ser abonadas xunto coas autonómicas ás que teñen dereito", declarou o rexedor.
"Tomamos esta decisión de unir esforzos e recursos para que os nosos hostaleiros non teñan que peregrinar de ventanilla en ventanilla e facer farragosos trámites administrativos para acceder ás axudas. Así, cunha administración única acúrtanse prazos e faise menos papeleo", explicou o popular.
Tamén fixo referencia á Deputación de Pontevedra ao lembrar que outras administracións "teñen remanentes moi substanciosos, uns 20 millóns de euros, pero prefiren quedarse en enredos e politiqueos baratos para escurrir o bulto cara outro lado sen aportar solucións", rematou.