Presentado á veciñanza o anteproxecto para a mellora do vial provincial de Meiro
Por Redacción
Unha senda peonil construirase no vial provincial de Meiro, coa intención de que se rebaixe a velocidade ao longo dun tramo superior a un quilómetro. O alcalde Félix Juncal, acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Leal, e por Julio Villanueva, concelleiro de Facenda, mantiña un encontro este xoves con residentes na zona para explicarlles o anteproxecto e recoller suxerencias.
A actuación centraríase no primeiro tramo deste vial, que é a zona onde se sitúa un maior núcleo de poboación. A proposta establece a construción dunha plataforma única para peóns e vehículos con pavimentos diferenciados, ao estilo da actuación realizada na rúa A Pedra.
Ao arranxo da estrada, engadiríase unha senda peonil de dous metros e medio de extensión. A intención é reducir a velocidade nunha franxa superior a un quilómetro desde a intersección do vial de Meiro coa PO-551 ata as proximidades da Casa da Aldea. A senda peonil terá sentido ascendente na marxe esquerda, mantendo os dous carrís actuais de circulación.
Na zona entre o lavadoiro de Fonte Outeiro e a Casa da Aldea de Meiro crearíase un espazo de convivencia de 200 metros de lonxitude, con preferencia peonil. O Concello tamén quere modernizar a iluminación e eliminar as barreiras arquitectónicas.
Co proxecto, o goberno local quere mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e utilizar materiais máis respectuosos co medio ambiente. A actuación realizaríase a través da Deputación de Pontevedra e o goberno local pretende que o proxecto se aprobe en 2022. Unha vez realizada a obra, o vial pasaría a ser de titularidade municipal, como xa sucedeu co tramo que se dirixe a Ermelo.