Vento do norte con temperaturas por debaixo dos 19 graos para esta fin de semana nas Rías Baixas
Por Redacción
O servizo de Meteogalicia anuncia para este venres, último día de abril, unha situación atmosférica que continuará dominada pola presenza de aire frío e certo grao de inestabilidade no norte de Galicia, onde se esperan precipitacións illadas e ocasionais. Nas Rías Baixas, os ceos presentaranse nubrados con temperaturas que oscilarán entre os 6 e os 18 graos con ventos que soprarán frouxos de compoñente norte, aumentando de intensidade a medida que avance o día.
Durante o sábado 1 de maio non se esperan cambios significativos. Os ventos continuarán soprando de compoñente norte e permanecerá certa inestabilidade no norte coa posibilidade de ceos cubertos que deixen algún chuvasco ocasional. Ao longo da tarde, as nubes desprazaranse cara ao sur, tamén coa posibilidade dalgunha precipitación. As temperaturas situaranse entre os 6 e os 17 graos con vento que soprará frouxo do norte.
Xa ao longo do domingo 2 de maio, Galicia quedará baixo a influencia anticiclónica. Agárdanse bancos de néboa matinais en zonas do interior, que darán paso a ceos pouco nubrados ou despexados. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso situándose en 4 graos mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso para alcanzar os 19 graos. Os ventos soprarán do nordés en xeral, frouxos durante a mañá, aumentando a moderados ao longo da tarde.
A semana comezará con condicións anticiclónicas e estabilidade. A xornada do luns 3 de maio abrirase con ceo pouco nubrado ou despexado. As temperaturas subirán para establecerse entre os 6 e os 19 graos nas Rías Baixas. Os ventos pasarán a soprar frouxos, de dirección variable. Esta situación durará ata o mércores cando entre un réxime de ventos do suroeste, que permitirán a aparición dalgunha fronte polo litoral atlántico aumentando a probabilidade de precipitacións.