Meaño completa a humanización da contorna da igrexa de Simes
Por Redacción
O Concello de Meaño completa a urbanización da contorna da igrexa de Simes, en Meaño, que supuxo un investimento de 236.000 euros financiados co Plan Concellos da Deputación. Os traballos serviron para dotar dun pavimento empedrado que mellora a accesibilidade e os servizos para as persoas que visitan este templo románico.
O alcalde Carlos Viéitez visitou o lugar acompañado dos deputados Santos Héctor e Manuel González e mostrouse satisfeito porque a humanización do espazo serviu tamén para "mellorar a seguridade viaria e o tráfico rodado".
A intervención centrouse en cinco rúas dos arredores da igrexa e serviu tamén para corrixir dous estreitamentos das vías que agora permiten o paso de vehículos de emerxencias. Ademais, completouse a substitución da rede de augas pluviais e instaláronse novos farois con teconología LED.
O Plan Concellos da Deputación repartiu desde o ano 2015, preto de 4 millóns de euros ao Concello de Meaño, que os destinou principalmente á mellora de camiños, compra de terreos e á reconstrución das fachadas e cuberta do polideportivo de Xil.