O Concello difunde a historia e peculiaridades dos maios en Poio
Por Redacción
A Concellería de Cultura, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez, procedeu ao longo destes días ao reparto de preto de 2.000 exemplares dunha guía ilustrada sobre os maios en Poio e que recolle imaxes sobre os deseños efectuados en anos anteriores polos colectivos que toman parte habitualmente no tradicional concurso.
Tamén inclúe información sobre a recolección e uso de materiais, cantigas e mesmo unha unidade didáctica.
Este folleto foi entregado nos centros educativos do municipio, así como en locais municipais, na biblioteca e tamén entre as agrupacións participantes. Tal e como explica a propia edil nunha carta enviada a estas asociacións, esta é unha das fórmulas que forman parte da programación alternativa deseñada por Cultura, ante a imposibilidade de poder celebrar o concurso de Maios, debido á situación sanitaria.
"Con esta iniciativa queremos agradecer aos colectivos o seu compromiso e o seu labor á hora de manter viva esta tradición en Poio", indica a concelleira do goberno local, que confía en que en 2022 "poidamos recuperar esta cita e, deste xeito, encher o noso municipio de flores e cantigas".
Ademais da publicación desta guía, a Concellería de Cultura aposta por 'Maios á rúa', unha campaña a través da cal se anima á veciñanza, a través das redes sociais, a que decoren as fachadas e balcóns das súas vivendas con adornos de flores recollidas en familia e persoas que sexan convivintes.
A maiores, seguirá dándoselle visibilidade ao labor feito polas agrupacións en edicións anteriores do concurso dos maios.
Para iso, está previsto que a partires da vindeira semana se expoñan instantáneas de maios en soportes publicitarios situados ao longo da PO-308, de xeito que "tanto a veciñanza como as persoas que visitan Poio poidan coñecer de primeira man o gran traballo realizado polas asociacións e colectivos locais", explica Raquel Rodríguez, entre as que se atopan as asociacións Ronsel, Boureante, Armadiña, EI Saíñas, Maio Vilariño e Maio Fontenla, Maio Maiolo e Mare Podium.