Ata o 5 de xullo queda prohibida a captura do polbo
Por Redacción
A veda do polbo en Galicia comeza este venres 30 de abril e rematará o 5 de xullo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2021/2022.
As capturas desembarcadas o 30 de abril poderán ser comercializadas tamén o 1 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto.
O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental da especie co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor este venres e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda.