As inscricións no Ganapán darán prioridade aos nenos que non participasen antes
Por Redacción
O programa de lecer O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Mercado de Abastos de Pontevedra, mudará as pautas de inscrición co obxectivo de dar prioridade aos nenos que non tiveran participado en ningún obradoiro nas últimas dúas semanas.
Unha vez que se cubran estes postos preferentes, o resto das prazas encheranse por estrita orde de chegada da solicitude de inscrición e en función da última vez que tiveran participado nos talleres.
Asemade, aquelas persoas que se inscribiran e que, sen avisar previamente, non acudiran ao obradoiro que tiñan reservado, deberán agardar un mes para poder realizar unha nova inscrición.
Tal e como subliñou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "todas e cada unha das crianzas de Pontevedra fan parte de O Ganapán e, dadas as restricións de aforo ás que nos obriga a covid-19, con estes cambios no sistema de inscrición queremos garantir que existe unha axeitada rotación e que todos participan".
As reservas de praza poderán realizarse, coma sempre, a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com, pechándose as dos talleres dos sábados os venres ás 16:00 horas e as dos domingos os sábados ás 16:00 horas. Os solicitantes que finalmente entren no obradoiro terán a notificación por email como máximo o día anterior ao taller.
A oferta de O Ganapán para este sábado 1 de maio incluirá unha nova viaxe co padal pola gastronomía do mundo no Espazo Gastro, coa elaboración dunhas deliciosas samosas (unha sorte de empanadas doces) de plátano, chocolate e noces, e a creación de pelotas sensoriais no Espazo Crea. Os obradoiros, dirixidos a rapaces de 4 a 10 anos, desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.
Para a xornada do domingo 2 de maio están previstos uns talleres especialmente pensados para celebrar o Día da Nai, coa preparación dun delicioso e saudable almorzo para mamá: uns saborosos pancakes de froitos vermellos. Os pequenos tamén poderán confeccionar un agasallo tan orixinal como unhas bailarinas colgantes. Os horarios das sesións serán os mesmos que os do sábado.
Yoya Blanco lembra que os participantes deberán traer a súa friameira para levar a casa o que cociñen.
Relacionadas:
-
Os talleres do Ganapán traen actividades inspiradas en Exipto e Italia para esta fin de semana
Por Redacción |
-
Os obradoiros do Ganapán esténdense esta fin de semana ata o luns 17
Por Redacción |
-
Volven as visitas escolares do Ganapán ao Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
O Ganapán ofrece para a fin de semana talleres de cociña e para descubrir os segredos do mar
Por Redacción |
-
Talleres de cociña, percusión e manualidades con flores esta fin de semana no Ganapán
Por Redacción |
-
Obradoiros creativos e gastronómicos, oferta do Ganapán durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Regresan esta fin de semana os obradoiros do Ganapán no mercado de abastos
Por Redacción |