A CIG chama á participación na súa manifestación do 1 de maio para acabar coa precarización laboral
Por Manu Otero
Por "unha saída galega xusta fronte a crise" organiza o sindicato CIG a manifestación do 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores, en Pontevedra. O secretario comarcal da Confederación Intersindical de Galicia, Marcos Conde, falou de "emerxencia social" na presentación da manifestación e alertou de que a clase traballadora está "cada vez máis precarizada".
O líder sindical, acompañado pola súa compañeira Diana Rodríguez, declarou que a pandemia da covid-19 serviu para "afondar en medidas que terán un resultado desastroso" e asegurou que a precarización laboral ten avanzado moito nos dous últimos anos.
Puxo como exemplo ERES e peches de oficinas anunciados por diversas entidades bancarias ou o recentemente asinado convenio do metal no que, ao seu parecer, os traballadores perderon dereitos conseguidos hai anos a través da folga como o plus por eventualidade.
Lamentou tamén Conde que o Goberno de coalición non cumpriu a súa palabra de derrogar a reforma laboral e das pensións e aproveitou para criticar a decisión unilateral de diversas empresas de acollerse a ertes.
Pola súa banda, Diana Rodríguez referiuse, en particular, á precarización do mundo laboral para a muller e pediu levar a loita e reivindicacións do 8 M ao 1 de maio. "O 77 % do emprego destruído en Galicia é feminino", denunciou a sindicalista.
Por todo iso, desde a CIG piden o máximo apoio a unha manifestación que, un ano máis, realizarán en solitario porque "Comisións Obreiras e UXT son submisos e están entregados ao Goberno", denuncia Conde, que considera que este ano " máis que nunca" é necesario retomar a loita obreira.
A manifestación partirá este sábado ás 11.30 horas desde a Praza da Ferrería con destino ao Hospital Provincial para rematar logo na Praza da Peregrina. Puntualizan desde a CIG que tanto durante a manifestación como durante a concentración final na que se lerá o manifesto cumpriranse todos os protocolos de seguridade e prevención fronte á covid-19.
Relacionadas:
-
A CIG mobilízase nas cidades galegas para lograr unha "saída xusta" da crise
Por Redacción |
-
A CIG toma as rúas de Pontevedra para demandar "unha saída galega xusta da crise"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
UXT e CC.OO dedican a marcha do 1 de maio aos traballadores dos servizos esenciais
Por Redacción |
-
A patronal do metal e os sindicatos pactan unha suba salarial do 1,75%
Por Redacción |
-
Caixabank prevé 26 despidos en Pontevedra tras a súa fusión con Bankia
Por Oskar Viéitez |
-
Subir o salario mínimo interprofesional, un dos obxectivos das concentracións de CCOO e UGT
Por Isabel Feijóo Gallardo |