Meaño destinará 850.000 euros a un plan de pavimentación das súas estradas
Por Redacción
Mellorar a capa de rodadura da maior parte dos viais do municipio. É o obxectivo do plan de pavimentación que vai a desenvolver Meaño en próximas semanas e que, segundo o goberno municipal, suporá un investimento duns 850.000 euros.
Para poder afrontalo, o pleno deberá aprobar unha modificación de crédito no pleno deste venres por importe de 1.265.000 euros, que permitirá destinar a investimentos parte do remanente de tesourería.
"Con este ambicioso proxecto pretendemos mellorar a seguridade vial da nosa rede de estradas, pero tamén temos claro que unha pavimentación programada aforrará ao Concello moitos cartos en mantemento e bacheado", explica o alcalde, Carlos Viéitez.
A maiores deste plan, prevese a ampliación, mellora e pavimentación do acceso Caxoi-Lores cun orzamento de 60.000 euros.
Nesta mesma partida inclúese tamén a achega de 15.000 euros que o Concello de Meaño aportará á Rede Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción do proxecto de mobilidade amable e a recuperación de espazos públicos.
A modificación de crédito inclúe unha partida de 61.000 euros para as subvencións directas aos hostaleiros de Meaño beneficiarios do primeiro plan de rescate da Xunta. Recibirán 1.000 euros cada un a través desta aportación municipal.
Con cargo a esta partida o Concello de Meaño prevé tamén instalar un peche non fixo no palco da música para un mellor aproveitamento destas instalacións ao que destinará 150.000 euros así como melloras no pavillón de As Covas para resolver as deficiencias na cuberta con 45.000 euros e unha partida de 75.000 euros para a mellora de parques.
O Concello reserva por último unha partida de 40.000 euros para a ampliación da rede de saneamento en Vilaxuega-Cachada e outra de 30.000 para a adquisición de terreos nos Pasales para a ampliación da área recreativa.