O hipermercado de Eroski abrirá na Barca en novembro
Por Oskar Viéitez
A compañía Vegalsa-Eroski comunicou a súa intención de abrir o seu hipermercado no Centro Comercial A Barca o próximo mes de novembro.
Unha vez que a multinacional francesa Carrefour peche o seu establecemento o 30 de xuño, a compañía galega de distribución alimentaria iniciará en xullo unha reforma integral dese espazo que se adaptará ao modelo comercial "Eroski contigo".
Esta nova xeración de tendas, segundo a compañía, ofrece un supermercado "altamente competitivo" que centra os seus eixos en "un trato máis personalizado ao cliente, unha forte aposta polos produtos locais e frescos de tempada, a promoción da alimentación saudable e novas formas para aforrar na compra diaria".
A noticia foi ben acollida entre os comerciantes da Barca que esperan que Eroski funcione como "locomotora" do centro comercial e que o revitalice dándolle un forte impulso. Unhas intencións que confirma a propia compañía que asegura que tratará de "potenciar o atractivo" destas instalacións.
Nos próximos meses a empresa seleccionará ao novo persoal e integrará aos empregados do Eroski Center da rúa Cobián Areal, pois ten previsto pechar este supermercado á beira do Hospital Provincial.