Cerdedo-Cotobade pide á poboación que limpe fincas e franxas de protección antes do 31 de maio para evitar incendios
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade fai un chamamento á veciñanza das súas 21 parroquias para que procedan á limpeza e roza de fincas e ao establecemento dos correspondentes perímetros de protección arredor das súas propiedades de cara a previr incendios forestais.
Este chamamento forma parte da campaña de prevención de lumes forestais 2021 e o Concello pide á poboación que o faga antes do 31 de maio.
O Concello repartiu un folleto informativo en base á Lei 7/2012 de montes de Galicia onde se recolle a obrigatoriedade de eliminar eucaliptos, pinos, mimosas e acacias a 10 metros dende o límite do dominio público das vías ou do ferrocarril, así como de realizar unha xestión da maleza nas súas fincas antes da época de alto risco de incendios.
En relación coas franxa de seguridade, o folleto lembra que se debe limpar nunha parcela 50 metros e tamén os espazos ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións que estean a menos de 400 metros de terreo de monte.
O Concello advirte á poboación de que no caso de que se detecte algún incumprimento, farase unha comunicación específica ao propietario concedéndolle 15 días de prazo para a limpeza si se comproba que incumpre esta normativa.
Os propietarios que desatendan esta obriga poderán enfrontarse á incoación dun expediente sancionador que podería provocar a imposición de multas de entre 1.000 e 10.000 euros e, ademais, o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de roza repercutindo posteriormente o custo ao propietario.
Ademais, lémbrase que, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lembrou que é "prioritario" para o municipio salvagardar o patrimonio natural e forestal e, ante a chegada da tempada de alto risco de incendios, ben fortuítos ou provocados, a poboación ten que ser moi consciente de que "debemos estar preparados".
Os planos das faixas de prevención de incendios pódense consultar na páxina web municipal.
Relacionadas:
-
Cerco en Cerdedo-Cotobade aos eucaliptais sen limpar en Augasantas
Por Redacción |
-
87.000 euros investidos nos montes de Viascón para fomentar as especies frondosas fronte os eucaliptos
Por Redacción |
-
Un incendio declarado en San Xurxo de Sacos calcina máis de 50 hectáreas
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Plantarán 20.000 árbores autóctonas nos montes comunais de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Impulsan unha "acción transversal" para previr incendios en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |