Reclaman que se repoña unha praza titular de médico de cabeceira no centro de saúde de Portas
Por Redacción
Un grupo de pacientes usuarios do centro de saúde de Portas concentrábase este mércores diante das portas do edificio sanitario para queixarse da falta de atención que sofren desde hai case seis anos.
Lucía Latorre, portavoz do colectivo 'Portas pola Saúde', afirma que están a recoller sinaturas para presentalas ante a administración reclamando o restablecemento dunha das dúas prazas titulares de médico de cabeceira, que tiña asignadas o centro.
Esta representante veciñal afirma que estas persoas están abatidas e orfas dunha estrutura sanitaria. E sinala que, a pesar da situación de pandemia actual, a Xunta de Galicia é incapaz de manter os servizos para atender a demanda.
Indican que unha das dúas prazas de médico de cabeceira se cobre de maneira ocasional con contratos eventuais que provocan ausencias imprevistas e unha deficiente atención aos pacientes.
Ademais, denuncian que esta situación sobrecarga de traballo á única titular que ocupa o posto de médica no centro de saúde. Como consecuencia, vese obrigada a dedicar menos tempo a cada paciente provocando situacións de maior risco para unha poboación que, en xeral, é de idade avanzada.
O SERGAS CUBRIRÁ A PRAZA
A raíz deste conflito, o Servizo Galego de Saúde asegura que contempla incorporar con estabilidade o segundo facultativo á dotación habitual de médicos de Atención Primaria no centro de saúde de Portas.
Coa esta incorporación deste médico xa con praza en propiedade -que xurdirá da actual oferta de prazas que o Sergas está a xestionar- o centro de saúde de Portas volverá a contar con dous facultativos.
Deste xeito, non haberá necesidade de efectuar substitucións ou prolongacións de xornada como ata o de agora se viñan efectuando por circunstancias profesionais e de imposibilidade de cobertura continua.