Educación licita as novas cubertas para os tres edificios do instituto de Vilalonga
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de abrir o proceso de licitación das obras de renovación das cubertas en tres edificios do IES de Vilalonga, no Concello de Sanxenxo, cun orzamento de 370.000 euros.
A apertura deste proceso de contratación foi anunciada este mércores polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita realizada ao centro xunto ao alcalde, Telmo Martín, e o xefe territorial de Educación, César Pérez. No seu percorrido, concretou que a intención do goberno galego pasa por adxudicar a obra nunhas semanas para arrancar cos traballos a comezos de verán.
"Con esta actuación, a Xunta atende unha demanda do Concello de Sanxenxo e da comunidade educativa que tamén fora detectada polos servizos técnicos da consellería", dixo o delegado.
A actuación proxectada no IES de Vilalonga beneficiará ao edificio principal, a un inmoble que acolle un aulario e o salón de actos e ao recinto do ximnasio, cuxas cubertas presentan diversas patoloxías por mor do paso do tempo e do sistema construtivo empregado no seu día, que provocan desprendementos e filtracións. Así mesmo, tense detectado que os sistemas de recollida de pluviais están deteriorados, producindo rebordamentos, goteos e vertidos de auga polas fachadas.
As obras consistirán na reparación e substitución destas cubertas, comezando polo recoñecemento previo do seu estado antes de proceder á súa desmontaxe, que se efectuará durante o período non lectivo do verán por cuestións de seguridade.
Posteriormente, instalaranse novas envolventes conformadas por paneis de chapa de aceiro galvanizado con recheos de espuma e sistemas de illamento térmico e sellado para evitar a filtración de aire.
Os novos teitos, que garantirán a impermeabilización destes tres edificios, sustentaranse con viguetas de formigón sobre tabiques de ladrillo e a actuación completarase coa dotación dos mesmos materiais, na mesma cor e calidade, nos paneis da fachada do ximnasio, situados nos seus muros centrais, e coa substitución de todas as baixantes e canalóns para controlar as escorrentías da choiva.
O alcalde tamén expuxo ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e ao delegado da Xunta a creación dun módulo de formación en Mecánica Náutica que se sumaría aos outros dous que xa se están impartindo no centro. Unha proposta que Ares comprometeuse a estudar en función da demanda e dos espazos dispoñibles para poder levala a cabo. "É unha proposta que está enriba da mesa e hai que estudala de cara a un futuro", dixo.