O liderado feminino e as cidades sostibles, a debate este xoves na Escola María Vinyals
Por Redacción
Tras a primeira sesión, na que máis de 300 persoas reuníronse on line para escoitar a mulleres da sanidade, educación, ciencia e da investigación, este xoves 29 de abril celebrarase a segunda parte da xornada "A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro".
Nesta xornada, organizada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela, se afondará no liderado feminino nas institucións públicas e nas cidades sostibles.
A vicepresidenta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, intervirá no acto de apertura, e a presidenta da Consello do Estado, María Teresa Fernández de la Vega, farao na clausura xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e á avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.
Máis dun centenar de persoas xa están inscritas para asistir de xeito telemático. O prazo seguirá aberto ata o propio xoves ao través da web institucional da Deputación
A sesión comezará ás 9.30 co acto de apertura e a primeira mesa que versará sobre "O liderado feminino na administración e o seu avance cara unha igualdade real". Será moderada pola Valedora do Pobo, Dolores Fernández, e participará a directora financeira e de orzamentos da OCDE, Ana José Varela, a presidenta da Asociación de Mulleres no Sector Público, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Pajaró.
"Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas” será a segunda e última mesa de debate na que a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, conversará coa concelleira de Territorio e Acción polo Clima de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui, coa xornalista especialista en comunicación e redes sociais na administración pública local, Amalia López, e coa interventora da administración local e directora do ORAL da Deputación, Inmaculada Viña.
A partir das 13.00 horas terá lugar a clausura da xornada na que intervirán a presidenta do Consello do Estado, María Teresa Fernández de la Vega, xunto á presidenta provincial Carmela Silva e á avogada xeral do Estado Consuelo Castro.
Relacionadas:
-
Vinte mulleres referentes para unha "reapertura de Óscar" da Escola de Igualdade María Vinyals
Por Natalia Puga |
-
Fernández de la Vega e Teresa Ribera reivindican o protagonismo das mulleres na Axenda 2030
Por Oskar Viéitez |
-
Destacadas referentes na xestión pública reivindican a "imprescindible" voz das mulleres nas administracións
Por Oskar Viéitez |
-
Fernández de la Vega e Teresa Ribera participarán nunha xornada da Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
A Escola de Igualdade María Vinyals abordará o papel das mulleres na administración pública do futuro
Por Oskar Viéitez |