Haberá un cambio de imaxe corporativa do Concello para amosar o dinamismo e a proxección internacional de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Concello de Pontevedra cambiará a súa imaxe corporativa ao longo deste ano. Actualmente utiliza como imaxe a denominada popularmente como "lentella", un logotipo que se desenvolveu no ano 2002 a través dunha asistencia técnica e que xerou polémica no seu momento ao ser unha adaptación do tradicional escudo municipal.
Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade e Réxime Interior, anunciaba este mércores que o Concello convocará un concurso aberto a empresas galegas para elaborar o deseño da imaxe corporativa ao longo deste 2021.
Segundo explicaba a representante municipal, a intención é responder coa nova imaxe á necesidade de recoñecer Pontevedra como cidade innovadora, de vangarda, creativa e tamén acoller a toda a cidadanía, incluíndo "múltiples miradas". Segundo sinalaba Anabel Gulías, a idea é que o logotipo recolla unha imaxe que represente tanto a unha persoa residente na Michelena como a unha de Pintos, de Monte Porreiro ou de Mollavao.
Tamén manifestou que a proposta quere acoller os cambios recentes da historia da cidade mostrando dinamismo, a repercusión internacional de Pontevedra, a aposta polo coidado ambiental e unha perspectiva de futuro en relación coas actividades que se organizan nos espazos públicos e as propostas culturais, elementos referentes para outras cidades máis grandes.
Gulías afirmou que na cidade hai unha "canteira impresionante que se dedica á comunicación gráfica" e lembrou que no municipio se atopan estudos multipremiados ao máis alto nivel.
O concurso dividirase en dous partes. Na primeira, as entidades que opten deberán presentar un portfolio de maneira anónima na que non poidan figurar traballos realizados para o Concello de Pontevedra, para evitar condicionantes ao xurado. Avaliaranse os méritos profesionais que se presenten nese formato e teranse en conta a calidade técnica e artística, a inclusividade e accesibilidade, experiencias en campañas institucionais, entre outros criterios.
Desta primeira fase sairán elixidas catro empresas, que pasarán á fase final. Neste caso, deberán presentar un imagotipo, acompañado por unha pequena memoria e as aplicacións desa imaxe en diversos formatos. As catro empresas seleccionadas recibirán unha retribución de 600 euros para cubrir os gastos de deseño.
A entidade gañadora contará cun contrato de 12.000 euros para desenvolver o manual de deseño corporativo, que sería o primeiro na historia do Concello, para seguir desenvolvendo a imaxe gráfica.
O xurado estará formado por integrantes do departamento de prensa do Concello, a concelleira de Promoción da Cidade, técnicos municipais e por un comité que asesorará sobre as diferentes propostas. Segundo manifestou a concelleira, non se descarta realizar algunha consulta pública á cidadanía sobre os deseños que se presenten.
Relacionadas:
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello reforza o plantel municipal con 83 novos traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción |
-
O Concello e Asociación Galega de Deseño colaboran na renovación da imaxe corporativa municipal
Por Redacción |