As farmacias de Pontevedra inician este mércores o terceiro cribado masivo para persoas de 12 a 64 anos
Por Redacción
Un novo cribado masivo comeza este mércores nas farmacias de Pontevedra para detectar persoas asintomáticas portadoras do virus da covid-19. A análise será a mesma que a realizado en anteriores campañas e consistirá na autorrecollida dunha mostra de saliva, que será levada despois a farmacia para a súa análise e comunicación do resultado. A campaña está enmarcada nun acordo subscrito entre a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.
Esta vez a poboación diana son persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 64 anos. Con isto dáse continuidade ao primeiro cribado desenvolvido nas farmacias en febreiro e o segundo, máis recente, dirixido a adolescentes de ata 17 anos.
Os datos de experiencias previas fan que as perspectivas de seguir detectando positivos asintomáticos neste tipo de cribados a través das farmacias sexan altas. Desde o 12 de abril ata o 26 de abril incorporáronse ao segundo cribado, no que participan 389 farmacias da provincia de Pontevedra, 11.744 adolescentes e detectáronse 19 positivos, 13 na área sanitaria de Pontevedra e 6 na área sanitaria de Vigo. No primeiro cribado desenvolvido en 381 farmacias da provincia, do 9 de febreiro ao 23 de marzo, participaron 40.930 persoas e detectáronse 76 positivos.
Na provincia de Pontevedra hai 627.021 persoas con tarxeta sanitaria Sergas de idades comprendidas entre 12 e 64 anos, das cales 617.090 son candidatos a participar no programa e 9.931 non o son porque cumpren algún dos seguintes criterios de exclusión: superar a enfermidade no últimos tres meses, ser contacto de seguimento de covid-19 ou residir nunha residencia para maiores.
Neste novo cribado elévase a 400 o número de farmacias participantes, o que indica gran implicación dos profesionais farmacéuticos nas accións de loita contra a pandemia. Non ten data de finalización e manterase no tempo mentres sexa necesario, explican desde o colexio.
A listaxe de farmacias participantes está dispoñible nesta dirección web
NOVO CRIBADO EN POIO
Por outro lado, a Consellería de Sanidade vén de anunciar a realización dun cribado, mediante probas PCR, entre a veciñanza de Poio. Levarase a cabo o xoves, 29 de abril, nas instalacións do pavillón polideportiva da Seca en horario de mañá e de tarde.
A franxa de idades para a realización deste cribado será de 30 a 39 anos para aquelas persoas que teñan o seu centro de saúde en Poio. As persoas convocadas para participar serán informadas previamente a través mensaxes de texto (SMS).
O Concello de Poio anima á veciñanza convocada a que participe neste cribado, a fin de poder detectar posibles casos asintomáticos. Recoméndase acudir con puntualidade á hora estipulada no SMS, respectando a distancia interpersoal
Relacionadas:
-
Toma posesión a nova xunta de goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Sergas organiza novos cribados en Barro e Cambados
Por Redacción |
-
2.260 mozos xa participaron no cribado de covid-19 en farmacias de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cribado a menores nas farmacias: "son máis asintómaticos e poden estar a se converter en auténticos focos da enfermidade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A cidadanía acode masivamente ás farmacias para solicitar os kits de recollida de saliva
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |