Guillermo Meijón, un dos 'homes fortes' do novo PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro
Por Redacción
"Volve o PSdeG!", exclamaba un emocionado José Ramón Gómez Besteiro. Facíao ao remate dun congreso extraordinario que, co 95% dos votos, elixiuno novo secretario xeral dos socialistas galegos. O lucense apostou por un partido "máis dinámico, máis democrático e máis transparente" e prometeu "entrega, traballo e decisión" para facer do PSdeG "a única alternativa real de goberno" fronte á dereita en Galicia.
"Creo neste partido e no que ten que ofrecer á sociedade galega: un proxecto político claramente definido basado na igualdade, na xustiza social e na solidariedade", explicou o flamante secretario xeral, que apuntou que "todas as personas ás que se lles está escapando o futuro deben de ser os próximos protagonistas do proxecto socialista". E para iso prometeu unha profunda renovación no partido.
Unha renovación que, para empezar, chega na súa nova executiva. 28 persoas que o acompañarán na súa tarefa de dirixir ao partido e onde tan só repite unha persoa que xa estaba no equipo de Pachi Vázquez, Luís Gómez Piña, ex secretario de organización do PSdeG-PSOE en Pontevedra. O resto, 14 homes e 13 mulleres, estrean responsabilidades no partido en Galicia.
Haberá dúas persoas crave: a santiaguesa Pilar Cancela, que se fará cargo de Organización, e o alcalde das Pontes (A Coruña), Valentín González Formoso, responsable a partir de agora de Política Municipal. Pero para os socialistas pontevedreses, Gómez Besteiro reservou tamén un papel importante. Guillermo Meijón, deputado no Congreso e responsable local do partido en Pontevedra, fíxose coa Secretaría de Política Institucional.
Outra membro do PSdeG-PSOE na cidade de Pontevedra formará parte da nova executiva de José Ramón Gómez Besteiro. Trátase de María del Carmen Casalderrey, que se encargará de Economía Pesqueira. Ademais, as responsabilidades de Política Social dentro da executiva do PSdeG-PSOE quedarán nas mans da portavoz socialista en Vilagarcía de Arousa, Tania García, ata agora secretaria de Organización provincial.
Á marxe destes 29 membros, teñen praza na dirección como membros natos o coordinador dos deputados socialistas galegos nas Cortes, o portavoz na Cámara galega, os presidentes socialistas de deputación, os catro secretarios provinciais, o líder de Xuventudes Socialistas de Galicia e o máis alto representante do partido na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).