A Lama reforza o seu persoal e pon en marcha unha campaña de roza
Por Redacción
O Concello da Lama comeza polo polígono industrial de Racelos os traballos de limpeza e roza que levan a cabo anualmente grazas ao reforzo de persoal a través do Plan Concellos da Deputación co obxectivo de conservar da mellor forma posible os bens e servizos do municipio durante seis meses.
Os operarios, ademais de labores de roza e limpeza, encárganse tamén da realizacion de diversos traballos de poda de árbores e ramas que sobresaen nos viais poñendo en perigo a circulación.
Na presente edición do Plan Concellos, A Lama contratou a once desempregados para encargarse de labores de limpeza, construción, condución, mantemento forestal e administración.
O plan de emprego da Deputación é unha posibilidade que ten o Concello da Lama de poder contratar persoal xa que as normativas para a estabilidade orzamentaria fan imposible outra forma de ofertar postos de traballo, argumentan desde a administración local.
O tenente de alcalde, David Carrera, destacou como "moi importante e necesario para os concellos como o noso que a Deputación siga desenrolando accións que favorezan a contratación de persoal que axude ao mantemento e conservación de espazos públicos, así como o funcioamento de bens e servizos municipais xa que doutro xeito sería moi complicado atender tódalas demandas que neste sentido se poden plantexar. Ao mesmo tempo foméntase a inserción laboral de persoas que están en situación de desemprego e eso tamén axuda a mellorar a economía de moitas familias que están en situación de precariedade e que con estes plans poden ver unha saída digna a un problema real".