O Carrefour de A Barca bota o peche en xuño e instalarase un supermercado Eroski
Por Natalia Puga
O hipermercado Carrefour instalado no centro comercial A Barca de Poio pechará o próximo mes de xuño tras máis de tres décadas de actividade e dará paso a un novo establecemento dunha coñecida cadea de alimentación que se instalará na súa localización actual. Segundo varias fontes consultadas, será da empresa galega Vegalsa Eroski.
En canto ao peche de Carrefour, fontes oficiais da compañía confirmaron a PontevedraViva que xa se comunicou a todo o persoal o peche do establecemento o próximo mes de xuño. Fontes consultadas por este xornal indican que os empregados o saben desde a semana pasada.
Desde o gabinete de comunicación de Carrefour confirman tamén que pechan "ofrecendo o mantemento do emprego ao 100% do persoal" de A Barca, que será recolocada noutros centros da compañía. A cadea ten establecementos en Pontevedra, Sanxenxo e Vigo.
Estas mesmas fontes tamén confirman a este xornal que o motivo do peche é a finalización do contrato de arrendamento do local que ocupan actualmente no centro comercial A Barca e que as negociacións mantidas remataron sen que haxa posibilidade de continuar.
O actual Carrefour abriu as súas portas en 1989 como Simago. En 1997, Simago foi adquirido por Continente e pasou finalmente a ser Carrefour en 1999 tras a compra por parte desta compañía das cadeas Continente e Pryca.
Outras fontes coñecedoras desta operación informan a PontevedraViva que no local que quedará baleiro en xuño instalarase ao longo deste ano 2021 un supermercado da cadea Vegalsa Eroski. A operación fraguouse hai xa varios meses, durante o ano 2020 e a previsión é que a apertura non se demore máis aló de decembro.
Segundo puido saber este xornal, a empresa comercial galega Vegalsa Eroski mantería os seus plans xa coñecidos de instalarse no polígono do Vao, aínda que para instalar un almacén ou punto de apoio loxístico.
Relacionadas:
-
O 'corazón' do Centro Comercial da Barca volve a later coa reapertura do hipermercado
Por Alejandro Espiño |
-
Leroy Merlin, Decathlon e Eroski estarán no novo polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |
-
Poio abre bolsa de emprego para tres postos no novo hipermercado da Barca
Por Redacción |
-
O hipermercado de Eroski abrirá na Barca en novembro
Por Oskar Viéitez |