O Goberno Local tramita a adquisición de parcelas para aparcadoiros na zona de Anafáns
Por Redacción
O Goberno municipal sae ao paso das declaracións do voceiro do Partido Popular, Ángel Moldes nas que acusaba ao Concello de Poio de non ter interese en adquirir parcelas para habilitar novos aparcadoiros na zona do Centro de Saúde de Anafáns, "cando, precisamente, este tema foi tratado na última Comisión de Facenda".
Os dirixentes municipais recomendan ao edil da oposición que "estea máis atento" cando se desenvolven estas convocatorias, xa que "non é a primeira vez que reclama actuacións xa en marcha ou mesmo executándose".
O Goberno local lamenta "que o PP insista na súa teima de xerar tensión e confusión entre a veciñanza. Só así se explica que se asegure que non hai interese en dotar de aparcadoiros a Anafáns cando se está a tramitar a consignación dunha partida específica para esta actuación", que ascende a un total de 70.000 euros e que permitirá ampliar o número de prazas existentes na contorna do Centro de Saúde.
Ademais, engadiron que "a ampliación das zonas de estacionamento é unha das actuacións prioritarias para este mandato".
O grupo de Goberno composto por BNG, PSOE e Avante Poio lembra as xestións que se están a realizar con propietarios de parcelas particulares para dotar de aparcadoiros a outras zonas do concello, e que, "en moitos casos xa están pechadas ou en vías de chegar a acordos definitivos".
Tamén sinalaron o que xa se fixo na Rúa Palestina, na parroquia de San Salvador, onde se está a ultimar a posta a punto dun terreo para dar cabida a un gran número de vehículos.
Por último, o Goberno municipal recomenda ao Partido Popular que "realice unha oposición seria" e o anima a que tamén esixa "máis axilidade" á Xunta de Galicia á hora de avanzar no proxecto para a construción dun novo Centro de Saúde, "cuestión que ao señor Moldes parece non interesarlle demasiado, como xa sucedeu no pasado con outros proxectos como a reforma da estrada de Campelo, unha obra que durante décadas a Deputación dirixida por Rafael Louzán obviou e que só saíu adiante desde a entrada do novo Goberno provincial".
Relacionadas:
-
O PP lamenta que o Goberno local "chegue seis anos tarde" a buscar terreos para aparcar en Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio adapta dúas leiras en Campelo como aparcamentos disuasorios
Por Redacción |
-
400 novas prazas de aparcadoiro serán creadas en San Salvador e preto da igrexa de Samieira
Por Redacción |
-
Poio acomete unha reordenación de tráfico na contorna de Anafáns
Por Redacción |
-
O PP de Poio acusa o goberno local de non querer ampliar o aparcamento de Anafáns
Por Redacción |
-
Activan un operativo de tráfico na contorna de Anafáns para o proceso de vacinación
Por Redacción |