Poio constituirá o vindeiro 11 de maio a mesa de traballo do PXOM
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo do Concello de Poio, o socialista Gregorio Agís, anunciou este martes que a sesión constitutiva da nova Mesa de Traballo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) se desenvolverá o martes 11 de maio.
Este órgano, no que estarán integrados todos os partidos con representación da Corporación local, ademais de técnicos municipais e integrantes do equipo redactor do documento, permanecerá activo "durante todo o proceso de tramitación do planeamento; é dicir, ata que non se aprobe definitivamente". O titular deste departamento fixo este anuncio á finalización da Comisión de Urbanismo, na que se abordou esta cuestión.
Precisamente, a mesa dependerá deste órgano colexiado, ao que dará conta de todos os avances que se vaian facendo.
Gregorio Agís entende que "este é o momento axeitado para dar vida a unha ferramenta que facilite que todos os grupos teñamos a oportunidade de realizar as achegas que consideremos oportunas para tratar de incluílas no plan, seguindo sempre as directrices que marcan as normativas e os técnicos".
Neste aspecto, o edil do PSOE sinala que "agora é o intre de dar forma a un borrador do PXOM", unha vez finalizado todo o labor previo de carácter técnico, entre o que se incluíron as tarefas de adaptación a todas as leis e ordenanzas que se foron aprobando, por parte doutras administracións, nos últimos anos, e que incidían "de xeito directo sobre o noso planeamento".
Agís considera que é "indispensable" a implicación e as achegas que poidan realizar tanto os integrantes do Goberno local como da oposición, insistindo, unha vez máis, no "espírito construtivo e de diálogo e lealdade" da mesa. A intención do Concello é que esta liña de colaboración tamén se traslade, chegado o momento, á cidadanía, a través da dotación de vías e ferramentas que fomenten a participación veciñal, como poden ser charlas informativas, reunións ou formularios.
Un dos primeiros aspectos nos que se centrará esta mesa de traballo será a elaboración do documento ambiental estratéxico, que deberá ser remitido, unha vez finalizado, á Xunta de Galicia. O concelleiro de Urbanismo confía en que a tramitación desta primeira fase se complete nun período aproximado de tres meses.
Relacionadas:
-
Poio remite á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción |
-
Poio confía en remitir en breve á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para un PXOM "de consenso" en Poio
Por Redacción |
-
Poio impulsa unha mesa de traballo para consensuar o PXOM
Por Redacción |
-
O Concello de Poio retoma os procesos para finalizar a construción do novo vial da Caeira
Por Redacción |
-
Rocío Cochón, do PP de Poio, demanda ao goberno local que saque adiante un novo PXOM
Por Redacción |