Deteñen un home de 68 anos que establecera un punto de venda de droga en pleno centro de Marín
Por Redacción
A Policía Nacional de Marín deu por desarticulado un punto de venda e distribución de droga que estableceran en pleno centro da localidade e logrou deter ao seu presunto responsable, un veciño da vila de 68 anos con antecedentes policiais.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, os axentes de Marín tiñan unha serie de informacións que apuntaban a que nunha coñecida barriada da vila había un punto ao que acudían algúns mozos para adquirir e consumir substancias estupefacientes.
En base a esas informacións, os axentes iniciaron as pescudas e lograron documentar varias vendas de pequenas cantidades de cocaína a outros tantos compradores. Unha vez constatada a actividade, na tarde do sábado 24 de abril estableceron un dispositivo de prevención do tráfico de substancias estupefacientes en colaboración co grupo de prevención da delincuencia da Comisaría de Pontevedra.
Os policías identificaron a dous compradores tras efectuar un intercambio cun home e logo detiveron ao sospeitoso.
Ao home interviñéronlle 171 euros en billetes fraccionados e 21 euros en moedas. Ademais, nun cacheo de seguridade incautáronlle dúas papelinas de 0,8 e 0,5 gramos dunha substancia que, segundo as primeiras informacións, sería cocaína. Foi detido por un delito de tráfico de drogas pola venda polo miúdo de cocaína e posto a disposición xudicial.