O eido sanitario centra a segunda cita do faladoiro virtual 'A forza das mulleres'
Por Redacción
Logo da súa estrea a finais do pasado mes de marzo, o faladoiro 'A forza das mulleres' vivirá este mércores 28 de abril (20.00 horas) a súa segunda sesión. Esta iniciativa, que se leva a cabo de xeito telemático, forma parte da programación deseñada pola Concellería de Igualdade de Poio para conmemorar o Día Internacional da Muller, que tivo lugar o 8 de marzo.
Estas conversas vía streaming organízanse para poñer en valor e resaltar o papel desenvolto por mulleres do municipio en diferentes eidos, especialmente naqueles que cobraron especial relevancia desde o comezo da pandemia da covid-19.
Se na sesión inaugural dos faladoiros as protagonistas foron tres emprendedoras do concello, nesta ocasión a atención recae en tres mulleres profesionais da sanidade que viviron en primeira liña a situación provocada polo virus.
"Estamos a falar, sen dúbida, do sector que acusou un maior impacto pola situación sanitaria", explica a titular de Igualdade, Silvia Díaz, que sinala que este encontro virtual, que se poderá seguir a través da canle de YouTube do Concello, supón un paso máis nese "recoñecemento social merecido e sen precedentes cara a labor realizada polas profesionais desde hai xa máis dun ano, traballando en primeira liña contra a covid-19".
As tres mulleres invitadas para tomar parte nesta nova cita de 'A forza das mulleres' son Conchy Lores, Rosalina Gómez e Susana Portela.
A primeira delas conta con máis de dúas décadas de experiencia traballando como enfermeira na área sanitaria Pontevedra – O Salnés. Desde o ano 2011 traballa no CHUP, concretamente na Unidade de Recuperación Postanestésica (URPA), que, desde o inicio da primeira vaga da pandemia, pasou a acoller a pacientes de covid que se atopaban na UCI.
Pola súa banda, Rosalina Gómez tamén traballou durante moito tempo en Montecelo, se ben agora forma parte da unidade de urxencias pediátricas, xinecolóxicas e psiquiátricas do Hospital Provincial de Pontevedra. Previamente, traballara como pinche de cociña e coma celadora no CHUP. Por último, a celadora Susana Portela falará das súas experiencias no servizo de información do propio CHUP.
A cita estará presentada pola concelleira de Igualdade e actuarán como moderadoras a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, e a psicóloga Lidia Fazanes. Aquelas persoas interesadas poderán asistir e participar no faladoiro a través da retransmisión en YouTube, ou solicitar o enlace directo enviando un correo electrónico á dirección participa@concellopoio.gal.
Silvia Díaz confía en que este faladoiro siga os pasos da primeira sesión, á que se conectaron máis de medio cento de persoas. Ademais, a concelleira amosou o seu agradecemento ás protagonistas deste novo encontro virtual, non só pola súa participación e predisposición á hora de contar as súas experiencias, senón tamén polo "valioso labor que están a realizar desde o comezo da pandemia".
Relacionadas:
-
Tres profesionais das industrias creativas pechan os faladoiros 'A forza das mulleres'
Por Oskar Viéitez |
-
O terceiro faladoiro de 'A forza das mulleres' estará dedicado ao deporte feminino
Por Redacción |
-
Tres emprendedoras de Poio protagonizan o primeiro faladoiro de "A forza das mulleres"
Por Oskar Viéitez |
-
"Feminismo para cambiar o mundo", o lema que acolle todos os actos previstos para o vindeiro 8 de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |