Alerta por incendio na escola infantil Galiña Azul da Xunqueira
Por Diego Espiño
Todo quedou nun susto, pero o intenso fume que saía na mañá deste domingo do tellado da escola infantil Galiña Azul da Xunqueira provocou unha gran preocupación.
As ramas dunha árbore pegada ao centro, un carballo, taponaron a cheminea da caldeira, provocando unha situación de risco sufocada pola rápida intervención dos bombeiros, axudados pola humidade do tellado a causa das chuvias que atrasou considerablemente o inicio dun incendio que podía ter resultado importante.
Un particular que facía deporte na zona foi o primeiro en decatarse da situación minutos antes das 11:00 da mañá, avisando rapidamente o persoal do campo da Xunqueira e o vixilante do campus, que á súa vez procederon a chamar os servizos de emerxencia.
Os bombeiros, xa no lugar, ademais de rematar coa situación de risco, podaron as ramas do carballo para evitar que no futuro se poidan producir situacións similares.
Afortunadamente, ao ser domingo, a escola infantil encontrábase baleira. Os danos materiais na instalación foron mínimos.