Incautan en Bueu 121 quilos de pescada de tamaño menor ao regulamentario
Por Redacción
Axentes da Garda Civil, en coordinación co servizo de Gardacostas de Galicia, incautaron 121 quilogramos de pescada que tiña unha talla inferior á regulamentaria. Foi por mor dun dispositivo despregado en Bueu.
A investigación comezou ante as sospeitas de que se podería estar a comercializar peixe inmaturo procedente do porto. Así, os axentes detectaron unha furgoneta sospeitosa que estacionaran, preto das dez da noite, nun aparcamento público.
Horas máis tarde, o seu propietario foi interceptado cando volveu recoller o vehículo. Tratábase dun home de 34 anos, veciño do municipio.
Ao inspeccionar a furgoneta os axentes comprobar, con certa sorpresa, que aparentemente non levaba ningunha carga. Pero tras unha análise exhaustiva, detectaron un habitáculo oculto cun sistema de apertura camuflado, entre a zona de carga e os asentos do vehículo.
Dentro do habitáculo ía o peixe antirregulamentario, segundo a Garda Civil.
O condutor da furgoneta foi denunciado ante a Consellería do Mar da Xunta de Galicia ao considerar que os feitos poden constituír unha infracción grave á normativa de pesca de Galicia, que leva aparellada unha sanción de 151 a 30.000 euros.
O peixe intervido entregouse nun centro benéfico e o vehículo depositouse preventivamente en dependencias dos Gardacostas de Galicia.