O alumnado de Marín coñecerá a lingua de signos e a realidade da comunidade xorda
Por Redacción
O Concello de Marín vén de crear o proxecto 'Signar en Marín', co que achegará a realidade da comunidade xorda e da lingua de signos ao alumnado dos centros educativos da vila.
Impulsado por 'En Lingua de Signos' (ELDS), a iniciativa estará formada por unha lingüista, un educador social e unha formadora e intérprete de lingua de signos.
O proxecto consiste nunha proposta educativa, deseñada por este colectivo e financiada polo Concello, que procura achegar a aprendizaxe do código de comunicación de persoas xordas e da súa realidade diaria á infancia e á mocidade.
Tal e como explicaron desde ELDS, "resulta prioritario facer da escola un espazo inclusivo no que todos os nenos e nenas sintan que poden participar en igualdade, independentemente de cales sexan as súas capaciades" e insisten na importancia de desenvolver este tipo de accións para eliminar barreiras.
'Signar en Marín' contempla obradoiros adaptados ás distintas etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria.
Os contidos serán 'As persoas xordas e a comunicación con elas', 'A lingua de signos: aclaración de conceptos e falsos mitos, 'O alfabeto dactilolóxico da lingua de signos (para Primaria e Secundaria)', 'Saudamos e presentámonos', 'Os días da semana en lingua de signos' e 'Cores e animais (Infantil e Primaria)'.
Relacionadas:
-
Pontevedra conmemora o Día da Lingua de Signos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Desmontando mitos e derrubando barreiras ao redor da xordeira, a "discapacidade invisible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Crean unha unidade didáctica para concienciar ao alumnado sobre a comunicación coa poboación xorda
Por Oskar Viéitez |