"En Marín abandonáronse 700 vivendas no últimos dez anos", asegura o PSOE
Por Redacción
O Partido Socialista de Marín puxo o foco na perda de poboación do municipio durante a última década, e que se traduce en aspectos como o abandono de vivendas que deterioran a calidade urbana da vila.
En concreto segundo o portavoz local do PSOE, Manuel Pazos, "en Marín abandonáronse 700 vivendas no últimos dez anos. Isto equivale á suma de todas as vivendas existentes nas barriadas da Cañota, Virxe do Carmen, San Pedro-Maestranza, Mogor e Fabarizas".
Os cálculos socialistas sinalan que a perda de 1.755 veciños nos últimos 10 anos, sendo o cociente medio de habitantes por vivenda de 2,6 veciños, o que supón que se abandonaron desde 2011 case 700 vivendas, aseguran.
"O dato é demoledor e débense activar xa políticas para evitalo", afirma Pazos instando ao Concello a aproveitar a liña de axudas anunciada polo Goberno para a rehabilitación do parque de vivendas.