Poio quere impulsar un convenio coa Xunta para humanizar Andurique, A Barca e Porteliña
Por Redacción
O Concello de Poio está á espera de poder concretar unha reunión coa Consellería de Infraestruturas para poder avanzar na ansiada reforma do tramo da PO-308, de titularidade autonómica, que atravesa boa parte do núcleo da parroquia de San Salvador, e que afectaría ás avenidas de Andurique, A Barca e Porteliña.
Para iso, o goberno municipal reservou 300.000 euros para impulsar un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, que sirva para acometer unha obra "moi demandada e necesaria para mellorar a seguridade viaria", sinalan dos dirixentes municipais.
Esta contía procede do préstamo que o Concello ten previsto solicitar para impulsar varias actuacións no que á mellora de equipamentos e servizos se refire. No caso do convenio, o equipo de goberno lembra que existen antecedentes noutros concellos, que serviron para humanizar e rehabilitar tramos da propia PO-308 ao seu paso polos centros urbanos. Un exemplo é a rúa Progreso de Sanxenxo.
O goberno municipal recalca que, como titular da estrada, debe ser a administración autonómica quen asuma o proxecto, se ben corrobora o seu compromiso de "colaborar activamente e asumir unha parte dos custos" para impulsar unha mellora nun tramo da PO-308 que pode chegar a soportar un tráfico diario superior aos 15.000 vehículos.
No mandato actual xa se produciron conversas entre o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas para abordar este tema. Agora, está pendente de manter unha nova reunión para dar traslado do anteproxecto elaborado polo departamento de Urbanismo.
Os técnicos municipais están traballando na elaboración dun estudo no que se inclúen algunhas das medidas que serían necesarias adoptar para garantir unha maior seguridade neste tramo da estrada, e que pasan por construír novas beirarrúas máis amplas que as actuais, que presentan un importante estado de deterioro en moitas zonas; mellorar os accesos e as saídas desde viais secundarios e dotar ás avenidas de novos pasos para peóns e zonas verdes.
No caso das zonas peonís, estas estarán perfectamente adaptadas para as persoas con mobilidade reducida.
Nos últimos anos, o Concello remitiu á Xunta varios informes elaborados pola Policía Local, nos que tamén se fai fincapé na necesidade de actuar para reforzar a seguridade viaria e acabar cos accidentes de tráfico e atropelos que teñen rexistrado en diferentes puntos.
Relacionadas:
-
Melloran varias luminarias en mal estado na avenida de Andurique
Por Redacción |
-
Poio traslada á Xunta a necesidade de reformar a PO-308 no núcleo urbano de San Salvador
Por Oskar Viéitez |
-
Case 4 de cada 10 infraccións de tráfico en Poio cométense na PO-308
Por Redacción |
-
Poio xa advertira á Xunta das "deficiencias" na seguridade da PO-308 na zona da Barca
Por Oskar Viéitez |