Faise pasar por outra persoa coa que garda parecido físico para eludir cinco ordes de ingreso en prisión
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra, de 45 anos de idade, que contaba con múltiples antecedentes policiais era detido nas últimas horas por axentes da Policía Nacional. O home sumaba 14 reclamacións xudiciais, cinco delas nas que se decretaba o seu ingreso en prisión, procedentes de diversos xulgados.
Os axentes foran requiridos por unha reclamación xudicial para localizar a este pontevedrés e comezaron a xestionar a investigación co obxectivo de dar co seu paradoiro a través da súa contorna máis próxima.
Nun primeiro momento, a petición policial, o home foi localizado pero identificouse co DNI doutra persoa coa que gardaba gran parecido físico co fin de evitar a detención. Con todo, os axentes pertencentes ao grupo de prevención da delincuencia da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá constataron que se trataba dunha artimaña.
O propietario auténtico do DNI descoñecía que este individuo utilizaba a súa tarxeta de identidade, que el perdera facía xa varios anos.
As pescudas realizadas conduciron a que os axentes acudiran, de novo, ata o home para identificalo e detelo, unha vez verificada súa verdadeira identidade. Tras consumarse a detención, as forzas policiais comprobaron as 14 requisitorias xudiciais que permanecían vixentes con orde de ingreso en prisión en cinco casos.
Todo o operativo foi realizado polo Grupo de Prevención da Delincuencia da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Comisaría Provincial. Este grupo localizou e detivo no que vai de 2021 a 21 persoas por contar con ordes xudiciais de detención vixentes.