O colexio da Reigosa estrea biblioteca
Por Redacción
O CEIP Plurilingüe A Reigosa de Ponte Caldelas está de estrea. Coincidindo co Día do Libro, o centro educativo inaugurou a nova biblioteca onde o alumnado poderá gozar da lectura e asistir as actividades programadas, coma a que celebraron este venres a cargo de Migallas Teatro.
Esta nova biblioteca encóntrase onde estaba antigamente o salón de actos, que se reconvertiu nun espazo moderno e funcional onde fomentarán o amor polos libros e pola lectura.
Ao acto asistiu Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, que insistiu en que para el "a educación é unha prioridade", por iso "a colaboración e o diálogo son máximos, pois debemos traballar conxuntamente polo ben do alumnado do noso centro".
Na inauguración da biblioteca tamén estiveron Fátima Touza, directora do centro; Estefanía Torres, secretaria e coordinadora da biblioteca; e Carmen Fernández, presidenta da ANPA A Fracha.